A rega é unha parte fundamental do coidado de calquera horta, xa que a auga é esencial para a xerminación, o crecemento e a produción dos froitos. Un sistema de rega eficiente permite optimizar o consumo de auga, mellorar a saúde das plantas e garantir colleitas máis produtivas. Ademais, reduce o esforzo manual e prevén problemas como a proliferación de malas herbas e enfermidades fúnxicas.
Nesta guía aprenderás sobre a importancia dunha rede de rega, as vantaxes da rega por goteo e como instalala, o papel da drenaxe e como aproveitar a auga de choiva. Tamén che ofreceremos consellos prácticos e responderemos preguntas frecuentes para que poidas manter a túa horta ben regada de maneira eficiente e sostible.
A importancia da rede de rega
Independentemente do tipo de cultivo que planifiquemos, é fundamental prever un sistema de rega dende o inicio da nosa horta. Aínda que en climas húmidos, como o galego, poida non parecer necesario nos primeiros meses do ano, é crucial para garantir unha subministración constante de auga para o desenvolvemento dos cultivos durante os meses de verán.
Así, unha rega planificada permite evitar o estrés hídrico nas plantas, mellorando o seu crecemento e produtividade. Ademais, a rega eficiente axuda a aforrar auga, optimizando o seu uso e reducindo o desperdicio. Un sistema de rega ben deseñado evita enchoupamentos, reduce a evaporación e permite un mellor aproveitamento dos recursos hídricos.
Tamén é importante considerar a calidade da auga utilizada. Nalgunhas zonas, a auga de rede pode conter sales ou impurezas que afectan a absorción de nutrientes por parte das plantas. Instalar filtros adecuados e monitorear a calidade da auga pode marcar a diferenza no desenvolvemento do cultivo.
Por que necesitan as plantas auga?
Pensa nunha pequena semente, esta necesitará a auga para poder xerminar, crecer e producir e desenvolver os seus froitos, que están compostos por un 80 – 90% de auga. De forma concreta, a auga é vital para case todos os procesos biolóxicos de cada planta:
- Fotosíntese.
- Transporte de nutrientes.
- Regulación térmica.
- Crecemento e desenvolvemento.
- Disolución de compostos.
A rega por goteo
A rega por goteo é o sistema máis recomendado para hortas, xa que proporciona auga de maneira precisa e eficiente directamente á base das plantas. Neste sistema, a auga aplícase lentamente a través de instrumentos de goteo, permitindo unha absorción óptima sen desperdiciar recursos.

Vantaxes da rega por goteo
- Aforro de auga: Reduce a evaporación e o desperdicio.
- Mellor programación: Permite regar nas mellores horas (amencer ou anoitecer) evitando a calor do día.
- Evita enfermidades: Non molla a follaxe, reducindo a proliferación de fungos e bacterias.
- Control de pragas: Diminúe a humidade superficial que favorece a aparición de insectos.
- Erradicación de malas herbas: Ó regar só as zonas necesarias, evita a súa propagación.
- Menos esforzo manual: Automatiza a rega, facilitando o mantemento da horta.
- Mellor absorción de nutrientes: Ó fornecer auga de maneira continua, permite que os nutrientes se disolvan mellor no chan e sexan absorbidos de forma eficiente polas raíces.
- Adaptabilidade: Pódese instalar en terreos inclinados ou irregulares sen afectar a distribución da auga.
Como instalar unha rega por goteo?
Kit da rega por goteo
Para instalar un sistema de rega por goteo, necesitarás os seguintes elementos:
- Programador: Controla a frecuencia e duración da rega.
- Filtro: Evita a obstrución dos mecanismos de goteo no caso de que a rede de auga teña moitos sales ou impurezas.
- Redutor de presión: Regula o fluxo da auga no sistema, cando a auga sae a demasiada presión.
- Tubaxe principal e tubos de distribución: Condutos de distintos diámetros que distribúen a auga.
- Instrumentos de goteo: Provén auga de maneira localizada e dosificada.
- Pezas de conexión: Inclúen pezas para unións, chaves de paso, tapones etc.
Pasos para a montaxe da rega por goteo
RECURSO EXTRA: Este recurso de cultivo é unha ficha práctica que che guía na montaxe dun sistema de rega por goteo, ideal para manter os teus cultivos ben hidratados de forma eficiente e sostible. Este sistema permite optimizar o uso da auga e garante que as túas plantas reciban a cantidade xusta no momento adecuado.

Paso 1: Instalación da tubaxe xeral
A tubaxe xeral é o conduto principal que transporta a auga dende a acometida do contador ou dende o sistema xeral de rega (como pode ser un pozo ou unha toma de auga) ata a horta, atravesando toda a extensión do terreo. O proceso para a súa instalación inclúe os seguintes puntos crave:
- Medición e Lonxitude:
- Debes medir cantos metros de tubaxe xeral necesítanse para cubrir o traxecto desde a acometida do contador ou a fonte de auga ata a área da horta. Este sistema debe atravesar toda a horta de forma que a auga chegue a todos os sectores de cultivo.
- Tamaño e Profundidade:
- A tubaxe debe ser de alta resistencia ás roturas debido ás posibles presións ou movementos do terreo. Recoméndase un diámetro mínimo de 40 mm, aínda que pode ser maior dependendo das necesidades do sistema de rega e o caudal necesario.
- Para evitar danos polos labores de cultivo, como a rotura da tubaxe, é necesario que se enterre nunha gabia cunha profundidade adecuada, polo menos 40 cm. Isto protexerá a tubaxe dos traballos agrícolas como o arado ou a sementa.
- Materiais:
- A tubaxe debe ser de material resistente e duradeiro ou materiais similares que soporten ben a presión e non sexan propensos a roturas co paso do tempo.
- Instalación:
- A tubaxe xeral debe instalarse de maneira que facilite o fluxo de auga en toda a horta. Débense evitar curvas moi pechadas ou pendentes demasiado pronunciadas, xa que poderían dificultar a distribución adecuada da auga.
Paso 2: Liñas particulares a cada sector de rega
As liñas particulares son aquelas que se derivan da tubaxe xeral para abastecer ós diferentes sectores da horta. Estas liñas funcionan como ramificacións, e o seu deseño é crucial para asegurar unha rega eficiente en cada zona.
- Derivacións e Válvulas::
- A partir da tubaxe xeral, instálanse derivacións (xeralmente con “T” ou válvulas de control) para dirixir o fluxo cara a cada sector de rega. As válvulas permiten regular o fluxo de auga cara a cada sector ou zona específica da horta.
- Diámetro e Material:
- Estas liñas particulares teñen un diámetro menor, tipicamente entre 18 mm e 20 mm, e un espesor inferior ao da tubaxe xeral. Isto débese a que non requiren a mesma cantidade de auga nin soportan a mesma presión.
- As liñas de sector non necesitan ser enterradas, a diferenza da tubaxe xeral. Pódense instalar de maneira superficial ou ó longo dos bancais, seguindo un percorrido perimetral, o que facilita a distribución da auga e evita interferir cos labores de cultivo.
- Deseño de Percorrido:
- É recomendable que estas liñas rodeen os bancais, de modo que cada área de cultivo reciba a auga de forma directa. O deseño en espiral ou en forma de “ramificación” é efectivo, xa que permite que cada sector de rega sexa controlado de maneira independente.
Paso 3: Instalación de tubos finos co mecanismo de goteo
Finalmente, para asegurar unha rega eficiente e localizada, instálanse tubos finos cos instrumentos de goteo. Estes son os condutos que levan a auga directamente ás raíces das plantas, permitindo unha rega eficiente e minimizando o desperdicio da auga.
- Tubos de Distribución:
- Instálanse tubos de distribución máis delgados, xeralmente de 4 mm, 12 mm ou 16 mm de diámetro. O tipo e tamaño do tubo dependerá das necesidades de rega de cada sector e do tipo de plantas que se estean cultivando.
- Instrumentos de goteo:
- Nos tubos de distribución, instálanse os mecanimos de goteo espazados a intervalos adecuados. Estos son dispositivos que permiten a liberación controlada da auga de forma localizada, fornecendo a cantidade precisa de auga a cada planta ou área específica. Isto é crucial para evitar o desperdicio e asegurar que cada planta reciba a cantidade adecuada de rega.
- Localización e Disposición:
- Os tubos cos instrumentos de goteo deben instalarse de maneira que sigan o percorrido perimetral dos bancais, permitindo que cada planta reciba a súa dose de auga sen desperdiciar recursos. Nalgúns casos, pódense utilizar mangueiras de goteo, que teñen mecanismos de goteo integrados ó longo da súa lonxitude.
O papel dunha boa drenaxe
Unha boa drenaxe é esencial para manter a saúde das plantas na horta. Se a auga non drena correctamente, pode acumularse nas raíces das plantas, o que favorece a aparición de enfermidades fúnxicas e pode podrecer as raíces. Ademais, un exceso de auga impide que as raíces absorban osíxeno, o cal é vital para o crecemento das plantas.
Como asegurar unha boa drenaxe?
- Chan ben aireado: O uso de chans areosos ou con boa textura permite que a auga pase sen dificultade. É importante evitar chans demasiado arxilosos, xa que reteñen auga.
- Elevación de bancais: Os bancais elevados melloran a drenaxe e preveñen o enchoupamento en épocas de choiva.
- Canlóns ou gabias: Instalar canlóns ou gabias nas fileiras pode axudar a redirixir o exceso de auga fóra da zona das raíces.
- Uso de materiais de drenaxe: Incluír materiais como grava, perlita ou area na mestura do chan pode axudar a mellorar a estrutura e a capacidade de drenaxe.
A drenaxe adecuada permite que as plantas conten co nivel de humidade óptimo sen o risco de enchouparse, o que mellora a absorción de nutrientes e evita evita que as raíces podrezan.
Como aproveitar a auga da choiva para regar a horta?
A auga de choiva é un recurso gratuíto e ecolóxico que pode ser aproveitado para regar a horta. Ademais de ser unha alternativa sostible, utilizar auga de choiva reduce a dependencia do sistema de rega convencional e pode ser máis beneficioso para as plantas debido á súa baixa concentración de sales e químicos.

Métodos para colleitar a auga de choiva
- Instalar un sistema de captación: Coloca canlóns no tellado da casa ou en estruturas próximas, conectados a depósitos de almacenamento como barrís ou cisternas.
- Filtración da auga: Para evitar que a auga de choiva estea contaminada con follas ou sedimentos, é recomendable instalar filtros nos sistemas de recolección. Os filtros de malla poden facer que a auga se manteña limpa antes de ser utilizada.
- Uso de sistemas de rega por goteo: A auga colleitada pode conectarse a un sistema de rega por goteo, o que optimiza o uso do recurso e distribúeo de forma uniforme entre as plantas.
Con este sistema de rega con auga de choiva, poderás aforrar auga potable e aproveitar ó máximo os recursos naturais dispoñibles.
Consellos para regar a horta

Regar correctamente é unha habilidade esencial para manter unha horta saudable. Aquí tes algúns consellos crave para optimizar a rega na túa horta:
- Automatización: Se tes un sistema de rega por goteo, é recomendable usar un programador para asegurar que as plantas reciban a cantidade de auga adecuada sen necesidade de intervención manual.
- Regar no momento adecuado: A mellor hora para regar é pola mañá temperán ou á tardiña. Evita regar durante a calor do mediodía, xa que a auga se evaporará rapidamente e non alcanzará as raíces das plantas.
- Non regar en exceso: Aínda que as plantas necesitan auga, o exceso pode provocar pudrición das raíces. Asegúrate de que o chan estea húmido pero non enchoupado. A rega debe ser profunda, permitindo que a auga chegue ás raíces máis profundas.
- Uso de mulch ou acolchado: Cubrir o chan cunha capa de palla, follas secas ou esterco compostado axuda a reter a humidade, reducir a evaporación e manter unha temperatura máis constante no chan.
- Controlar a rega segundo as necesidades das plantas: Cada tipo de planta ten necesidades hídricas diferentes. As plantas de follas como a leituga requiren máis auga que as de raíz como as cenorias ou as patacas.
Conclusión: Resumo e claves para unha rega sostible e exitosa na túa horta
A rega é unha parte fundamental do coidado da túa horta, e elixir o sistema adecuado pode marcar a diferenza entre unha colleita abundante e unha horta que non prospera. A rega por goteo é a opción máis eficiente, xa que asegura que a auga chegue directamente ás raíces sen desperdiciar recursos. Ademais, a drenaxe adecuada e a recolección de auga de choiva son prácticas sostibles que melloran a saúde dos teus cultivos e optimizan o uso da auga.
Lembra que a rega non debe ser unha tarefa que se faga sen reflexión; é importante adaptala ó clima, ó tipo de cultivo e ás características específicas da túa horta. Se segues estes consellos e adaptas a rega ás necesidades das plantas, poderás manter a túa horta saudable, eficiente e produtiva durante todo o ano.
Preguntas frecuentes
Un sistema de rega por goteo ben deseñado non só optimiza o uso da auga, senón que tamén garante o crecemento saudable dos teus cultivos, aforrando tempo e recursos mentres protexes o medio ambiente.